<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

28.7.05

guiné
Comprobei nestes días apertados que os Dios k t Crew riman cada día mellor, cunha soltura bastante pouco común e sen ningunha pretenciosidade: alguén debería poñerlles a rampla pró chimpo definitivo. Despois flipei cos fermosos portugueses de Expensive Soul, escoitei a Chico César e sobre todo a Ray Lema (este battiato do congo que quedou sen sitio ou sen idade), tamén recunquei nese milladoiro dos noventa que é Berrogüetto, e ao cabo bailei algo con Manecas Costa. Gústame o manecas, pero enzúcranme as neuronas as circunstancias: o concerto é nunha encosta, e nesas alturas do disanto xa case non queda xente no público e si moitos restos de homes fermosos, vasos de plástico, botelliñas, follas enlamadas e mexo. Como está escuro non nos recoñecemenos os trazos, e parecemos unha trintena de pantasmas que sabemos a licorcafé e que estamos enchoupadas en pelo e chándales por unha poalla intensa. Miro nas tebras: a beleza fría da Duquesa, a forza de Todonada, as confesións de Aduaneiro1, os mozotes arrampladores e alá arriba, imperceptibelmente, un preto guineense que tenta animarnos anque a todas luces carezamos de ánima.
Así que estas mañás, para mitigar esa fase pantasma entre o sono e o esperto, poño manecas costa no equipo da casa. E ás veces bailo camiño da ducha, sorteando as botellas, pisando as follas enlamadas, lembrando a beleza fría da Duquesa.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?