<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

3.7.05

primeira conversa sobre o noso
Lévame Barataria, ou lévoo eu, coma un xílgaro nunha gaiola: cinema á noite, rúas de humidtown soleadas, parando (pouco) nos postos dos hippies, quilómetros de coche e metros e metros de saba suada, apertarme contra el cando me dá as costas na cama, ou na praia, paseando espidos ata que entran do norte as nubes, e festas e manifestacións e cancións vellas que el sabe, e cancións que sei eu, e tamén carrexos polas rúas de walltown con bolsas de merchandaisin, e un hotdog con queixo, algunhas claras de gasosa, almorzos que lle deixo feitos ou que me deixa feitos, e prantas que me rega e zugadas que lle deito, un arroz con lumbrigante vendo o mar bravo cando el chimpa unha copa que estala e lle corta a mau, e sanga, e esa mesma mau que me pousa no ombro cando conducio pola recta de palas ás cinco da madrugada.
Deteño o coche nunha gasolineira dun polígono industrial. Barataria quere entrar a lavarse porque padece unha excesiva sudoración, e por iso facemos paradas como condutores da ruló ou camioneiros de luras conxeladas. Quita o cinto, e antes de saír pousa a cabeza entre as miñas pernas. Mirámonos como se non houbese distancia entre os seus ollos e os meus. Por primeira vez falamos do noso, con algo de susto e complicidade.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?