<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

24.7.05

lévedo
Estes días xunto moitas lecturas entre os espazos mortos que se lle caen á vida e os momentos de reclusión.
Excítome moitísimo e déixome bater no cerebelo con Cuspireivos sobre a tumba, de Boris Vian. E seguidamente quedo na máis completa ignorancia con Contrapunto, de Don DeLillo, que só ten a vantaxe de que é breve. Non sei se willy xa ten falado del que a min se me escape. Pero nada comparado, en todo caso, coa extraordinaria narración de Sputnik meu amor, do angloxaponés Murakami: o triángulo que se estabelece entre unha alta executiva filla de coreanos, un mozote inestábel e unha rapaza friqui, aprendiz de escritora e habitante das freitas do universo.
Nun repouso vou ver antony and the johnsons. Este benny hill do piano e da canción retorce frías melodías nas prazas de humidtown. Con elas de fondo todo se esaxera: os bicos son máis intensos, son máis grandes as cheas, máis branca a neve que cae neses momentos sobre humidtown, e máis amarelos tamén os taxis novaiorquinos que de súpeto deixan e collen xente, máis gráciles tamén son os saúdos, e os transportistas coas súas cargas, e máis mesto en xeral o aire que nos une. Pero benny hill remata, pecha o piano e toda esa ilusión desparece. E non queda nada.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?