<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.8.07

fauna
Levo días sen escribir nada, e non só pola falta de tempo ou polos amplos momentos de desconexión a moitas millas deste computador. O motivo principal do silencio foi que andaba perdido á procura das palabras con que describir os dez días que pasou aquí senalcume e durante os que visitamos algúns dos lugares e paisaxes máis fermosas que teño visto. Á excursión de tres días polo norte máis norte, con meta en Diuranais, o punto máis setentrional ao que cheguei nunca, colocado máis ao norte ca göteborg ou juneau, foi só unha das viaxes. E se tivese que describilas todas non habería guguelmaps que me valesen, porque ademais dos quilómetros extasiantes de automóbil houbo que sumarlle os paseos polas corredoiras, a subida (frustrada) a algúns cumios de máis de 3000 pés, o relax sentando ás carranchapernas no xardín da dean gallery en edimburgo ou simplemente as idas e vidas, polgada a polgada, por unha conversa continua con senalcume.
Así que creo unicamente que vou mencionar os raposos que vimos ao caer das noites, os cervos que pacían a uns metros de nós en glenfinnan, os pimpíns que nos encoraxaban na ascensión ao Old Man Storr, os adolescentes escoceses de pel branca a punto de desintegrarse ou de vendernos uns mars nun hotel illado da montaña, os coellos, os mosquitos aos que xenerosamente ofrecimos as veas, as ovellas que nos facían deter o coche unha e outra vez polas estradas do norte de skye, a troita ártica que ceei nun restaurante encantador de diuranais, as faisanas que agardaban sentadas nun valado ou a eiruga xigante que, pousada no medio do camiño cando rubiamos cara ao ben hope pola cara oeste, permanecía, practicamente na mesma posición, cavilando nas súas cousas de eiruga, ao baixarmos unha hora máis tarde repelidos pola brétema.
Oh, si, como me gusta o meu país.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?