<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

22.4.07

domingos
Vou facer de xuíz a unhas probas da liga escocesa de atletismo nas pistas de grangemouth, unha inhóspita pérola arrodeada de refinerías e fábricas de plásticos. Imaxino que algunha administración, prá rexeración deste espazo inzado de grandes naves, de chemineas xigantescas e de camións de transporte de mercadorías perigosas, dispuxo a creación dunhas instalacións deportivas lonxe de todas partes.
Ver toda a beleza da mocidade a correr 800 ou a facer salto de altura non impide que ás veces, erga a vista do tartán, do foxo de lonxitude ou da caixiña da pértega e que pouse os ollos nas nubes de vapor de auga, no fume, no bruído da maquinaria que vai voando entre os corvos e as gaivotas.
Á volta ocórreseme que podo ir tirando en bici, que xa collerei o tren máis adiante, e así, de decisión en decisión, de rotonda en rotonda, papo dezasete millas unha detrás da outra, por entre prados de ovellas, carreiros entre os toxos, nenas xogando, campos pró golf, pequenas urbanizacións, cruzamentos absurdos, un chaparrón indecente en bannockburn e demais trocos de vía. Non hai un carreiro prás bicis, senón moitos, cheos de fochancas, bordos, beirarrúas e algúns, poucos, directamente a herba. Así que esas dezasete millas, anque chás, son un verdadeiro castigo prás pernas. Pero ao chegar hai unha robaliza ao alloporro do país, coa sinatura de Barataria, e ceamos, que son case as sete do serán. E de sobremesa unhas graaaaaandes madalenas de chocolate.
E así, así vai pasando a vida, vai chegando o vrao.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?