<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

12.4.06

caboverdianos
Os últimos meses vimos sacando moito peixe. Foron días duros, traballando noite e día, e noite. Andamos á procura dunhas mandas de fletán dourado unhas mil millas ao sur de Saint Shotts durante dez meses, coa única ilusión da ducha que vén xusto antes de deitarnos. E iso os días que nos deitabamos. Por iso chegamos suados e cansos á primavera. Por iso as únicas olores que identificamos son a do peixe e a do sal.
En todo este tempo apenas pisamos porto. Reenganchamos campaña sobre campaña, fiados na detección de mandas por satélite que conspiraban contra o noso descanso. O peirao de Saint-John vímolo pra saltar do Remedios II ao III e logo outra vez ao II. Así que non houbo cervexas nin xente nin sexo nin televisión nin nada.
Agora acaban de falar con nós, todos reunidos sobre a cuberta. O satélite enviou un reporte de fletán rubio 1.300 millas ao nornordés de Saint-John, e queren contar con toda a man de obra que estivemos nos Remedios estes once meses. Din que o fletán que apañamos ata agora era cativo (aínda que xa se sabía que o dourado tira a pequeneiro), e que se necesita un esforzo máis pra rendibilizar a campaña. Sabemos que o imos facer, que non lle temos medo aos maquinillos, nin ao frío, nin á desolación a levar na memoria as rúas de Praia, Sal Rei ou Preguiça. Sabemos que nos gusta pescar.
Pero canta vida temos que dar en troca do fletán? Cantas toneladas de peixe vale a promesa dun porto seco?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?