<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

19.8.05

lecturas
O baleiro desta semana de vacacións en humidtown encheuse bastante con lecturas e actos sociais (as fotos destes últimos, na da paparazzi).
De mar de fondo seguían caendo páxinas da Montaña máxica: xa oitocentas, sen que por iso comezase a interesarme a historia do falso enfermo Hans Castorp, e sen que, menos aínda, lle atopase algún xeito a unhas discusións intelectuais claramente doutro século.
De mar de vento caeron o non demaisado ilusionante Lupus, de Frederik Peeters, o autor das pílulas azuis, o outra vez divertidísimo e deixador de pouso 'Como fan os coellos' de Ralf König, e un álbum español sobre un ex-policía estadounidense, que esquecerei rapidamente.
Tamén fun ver a viaxe de Ann-Sofi Soden, cabalgando nunha egua polo estado de Texas, e por dúas veces quixen ir a 'Charlie e a fábrica de chocolate' sen conseguilo. Escaralleime a rir diante da inescusábel videocreación de Carles Congost no CGAC, con música de Hydrogenesse e un actor principal que está pra convidar a unha merenda.
Incluso baixei un par de veces a ankara, ao salón da banda deseñada, onde a cada ano as exposicións son cada vez máis pobres e menos interesantes: alguén debería explicarnos cal é o valor de Brescia, ou de Fran Bueno, e por que facemos eses quilómetros pra ver as súas obras. Pero pra facer o ankarés e pasear mirando as pranchas coas mans xuntas nas costas, chega ben. Polo menos pódese ler alí a fenomenal historia de David Rubín, coa que flipei claramente, a pesar de ser o meu amigo e de recibirme cuns deliciosos bicos na boca, sabedores a tabaco. É, claro, a historia dun derrotado. Pero xa hai moitos quilómetros de derrota nos cadriños.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?