<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

12.8.05

berlín
Hai só uns meses que estiven en berlín pero desta volta parece outra cidade. Quizais sexa a choiva intensa e continua ao longo dos cinco días, ou simplemente agosto, pero parece como se aquela bulideira work-in-progress acalmase. Nada é tan moderno, e co paso do tempo os vellos edificios, tanto os socialistas coma os capitalistas, vanlle recurtando distancia estética aos novos. O skyline faise de plastilina gris e dilúense nela cúpulas e rañaceos que noutro tempo foron sorprendentes.
O berlín que vivín co plattdorf é coma unha peli que botasen na televisión de madrugada. Non ligo os lugares nin os tempos, e estou tan desorientado como se coñecese alexanderplatz unicamente por lembranzas de cinema na infancia. Procuro aquí aquel recanto que me gustou pra ensinarllo a Barataria, mais comprobo que non está, que quizais fose noutra liña de s-bahn ou na zona francesa, ou que quizais en realidade non se tratase de berlín, senón londres, ámsterdam, lisboa.
O percorrido que trazamos é estraño, compulsivo. Algunhas exposicións por gusto ou por gorecernos da choiva, unha viaxe pousada a brandenburg e a potsdam, unha entrada nas tripas asbestósicas do león, unha festa gai, e quilómetros a pé, transporte público e bicicleta por rúas húmidas e parques. Súperes cheos de sopas, marmeladas e conservas, centros comerciais, rúas vellas, parques, salchichas fritidas comidas na rúa. Historia. Palabras soltas en alemán: eine brot, enchuldigung, grüne tee, kleine milchkafee.
Xa podo vivir aquí.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?