<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

17.2.07

inverno
Foi duro o inverno cos nosos.
Primeiro foi o avó de iop, logo o pai de caimán, logo uli. Logo o pai de Ian. Hai uns días marchaba tamén Aliansa, a avoa de fufli. Aliansa, cos seus moitantísimos anos, tecera con el unha estraña complicidade: sen palabras, sen conceptos, sabía qué estaba sucedendo cando o neno quedaba coas mulleres na costura. Tiña os pés completamente revirados cara dentro, e dábanlle un andar de antigo xoguete mecánico. Pero por iso ou grazas a iso chegou á vellez solteira, plena, e con varios fillos de distintos homes, e netos, e bisnetas.
Hoxe espertei sobresaltado ás cinco da mañá, como cando me roubaran o asento da bici. Sentíame intranquilo, din voltas na cama tentando camuflar a irremitíbel dor das costas e despois de moita desazón funme duchar contra as seis. Coa auga correndo e a escuridade fóra decidín volver prá cama, e durmín. Ás nove e media espértame unha mensaxe de Peke: morreu meu pai, dicía. Así, sen máis previsión cá vellez. Dende todas estas millas imaxino os preparativos, as chamadas, os quilómetros, o nerviosismo, as conversas inútiles, todo iso que pensamos que non vai suceder anque sabemos que si.
E entre unha mesta arañeira de lembranzas albiscamos o gran misterio: malia todos os esforzos, ao final non queda nada. E non o damos entendido.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?