<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

9.11.06

os libros arden mal
Comecei coa novela de Manuel Rivas cando aínda estaba vivindo tranquilamente en humidtown, alleo ao futuro. Líao na praza da quintana e tamén ás noites, na casa, nunha cama grande onde tamén durmía ulises. Estábame gustando moito, pero notaba marchar algúns fíos, algúns personaxes que non era quen de illar e arrastrar. E xa daquela pensaba que me gustaría lelo de segundas.
De súpeto houbo que recoller, facer mudanza, e 'Os libros arden mal' extraviouse nunha das caixas. Non o rescatei ata o final, cando me vin pra acó, e como son peixe de mala memoria decidín comezalo de novo no avión.
Hoxe, que é tardísimo na noite, remateino. Pasei a última páxina desa marabilla de novela, e non me chegan as palabras pra falar dela. Estaba na cama, dando voltas, e non acougaba. Tiña que facer este post pendente. Pero chego ao ordena e non me medran as palabras. Probarei a escribir dun tirón: acetilsalicílico, así, coa súa ligazonciña. Acetilsalicílico. Pero seguen sen medrarme as palabras que me calmen a pel de pita. Penso: Polca. Penso no balón do Diligent. Penso en Casares Quiroga, e malia que detesto a temática da guerra, só me sae postrarme. Penso: a máis grande novela de temática homosexual que lin nunca.
Co libro posto de lombo neste cuarto de 3 por 3 (iardas) a vida comeza de novo. Unha nova vida. Débolla a ese señor de sesenta anos co que sentei no avión de ryanair: este rivas gústame moito, estoulle lendo o lapis do carpinteiro, dicía. Así, sen tradución. Pra min que era Pinche, que volvía.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?