<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

1.9.06

gañador
Despois de meterme prós dentros dous partidos enteiriños de balonmán e 200 fotos, decido facer un alto no camiño e tomarlle un café na de Poni. Traballa nun bar inda máis nacional-popular do que agardaba: ao pé dunha gasolineira, alternan as botellas de xenebra con xamóns e loterías. Pídolle un café e tómoo rapidamente mentres el vai e vén ao salón: non sei qué sucede cuns que insisten en pagar en pesetas.
Nestas entran catro señores que quedaran esquecidos nunha mesa de fóra xogando ao subhastado. Un deles, que se presenta como arturo o fogueteiro e que me trata de maestro, esixe pagar a rolda: levaba 25 anos sen perder, así que os llintonis desta noite desafortunada págaos el. Arríchase, louva as belezas dunha camareira inlouvábel, retruca as burlas dos demais, peta na mesa, ri, campa de que non hai ninguén en todo o concello que collera tantos avións coma el 'pra andar por españa', campa de xogar mellor que ninguén ao subhastado, campa de foderlle a marrazos o audi da exmuller pra que non lle quedase co coche, campa de probar co realmadrid durante 15 días, campa de durmir con garcía cortés (un que xogara no zaragoza: rollo hetero), campa de que o expulsasen dun campo de fútbol antes de comezar o partido (rubiáns-zacande, o árbitro era de rubiáns), campa de ser neto de heraclio fournier e campa finalmente de ser xeneroso cos cubatas na derrota.
E nun repente detén o discurso, mira pra min, e dime con toda a seriedade do universo: 'maestro, eu son un gañador nato'.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?