<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

18.8.06

parolas/pirolas
Buscando iso que ficou atrás quedo cun chavaliño moito máis novo pero que é xa socio, ou medio socio, ou medio xerente, dun bar cafetería no epicentro turístico do país. Lévame á súa casa, un chalé de apartamentos pra camareiros con piso de terrazo e practicamente desamoblado, e sentamos no sofá. El colle un mando pegado con esparadrapos e acende a tele pra que quede no fondo. Botamos unha parolada debatendo sobre niveis de soldo, propiedades inmobiliarias, cabalos e saídas do armario. Doulle un bico apresurado e convírtome en cinsenta liscando polas estradas en dirección norte.
Ao cabo duns días quedo con outro rapaz, desta volta coruñés e vello amigo do plattdorf. A casa é agora un ático amplísimo, con vistas ao mar, e en vez de no sofá sento no recanto dunha cama e tomo un té. Falamos, falamos, de todo e nada. Tento bicalo e péxame dicindo que hai xente no cuarto de a carón, o que en realidade significa que só lle gusto un terzo ou inda menos. Así que somos os dous os que nos convertemos en hánsel e grétel e baixamos a lamber as feridas respectivas prá rúa, mentres cae a tarde.
Vou vello. Os 31 están xa alasando na porta.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?