<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.8.04

contactos
Entran no meu blo buscando 'namorado dunha rapaza lugo'. Hai algunha que se dea por aludida?
forzas armadas
Acudo unha vez máis á cita coa esperanza, e unha vez máis sae frustrada: desta volta, porque o curmao de Futuroscope ten que coller un avión á mañá cedo. Así que decido botarme á noite e dou cun tinerfeño de 19, o máis fermoso que vin na vida. Marcha ao outro día para a base naval de ferrol, onde leva xa uns meses, e acaba de chegar en avión a lavacolla. Lévame a un hostal e manexa sobre min o seu precioso corpo moreno e unha especie de pirola de proporcións grandiosas que me desaxusta a mandíbula (do outro nin falemos).
Ao remate, co olor do seu corpiño sobre min, cántame a salve mariñeira e pregúntame que é iso do camiño de santiago ou se ourense está en galiza. Sinto a súa chapiña de identificación contra o meu peito, acaríñolle a cabeza e penso en Futuroscope: aliviado de rancores, agora si que podo dedicarme a el, ao seu amor, con devoción.
desolación
Todonada dáme a noticia. Estarrezo. Boto tres días buscando as palabras apropiadas.
Peke atópaas por min, como sempre.
Que o seu bico sexa o meu bico tamén. Pra vós.
bent
O domingo á noite, despois de traballar toda a finde e ver a clausura das olimpíadas, collo a Uli e vímonos dende atenas a humidtown. É noite de luar, e teño que guiar moi moi moi amodo, para que Uli non se maree nas curvas.
Poño un CD que me agasallou Iop, Bent. E súpeto, a pesar das malas novas, un pequeno fiíño de felicidade vai rubindo da estrada, polos pneumáticos: aproveitemos a nosa vida de miñocas.
intendencia
1. Teño algún problema coas imaxes que non dou resolto.
2. Futuroscope aínda descoñece a existencia deste blo. Díxenlle que un día lle contaría un segredo, pouco importante. Non sei cando, nin como.

29.8.04

tuzarolandia
Foron vinte días preocupado unicamente das olimpíadas e da ausencia de Futuroscope. Pouco resto quedou no blo da visita de Henri, de Iop, da churrascada de inauguración da casa dos Koalas, de Fufli e Carolina...
Para rematar este desfile de bandeiras, suor e erotismo que son as olimpíadas, leo unha entrevista a david cal na prensa española: 'Que fai que sexas tan reservado?// Nada. Son así. É a miña personalidade e non a vou cambiar.' En españa failles moita graza que o noso campión sexa un túzaro. Responde ao seu tópico, que tamén é o noso, ao igual que Dolores Vázquez co seu carácter galego ou o crime de Chantada.
Si. É verdá.
Pero a diferenza dos correosos fondistas españois, alcaldes populares en aldeas de 150 habitantes, o noso túzaro ten un pirsin no fuciño. E sinto orgullo desa tuzarolandia moderna que está por detrás.
demasiado cedo
Cando xa estou a piques de mandar a Futuroscope a paseo, aparece. Leva un día gomitando do estrés, pero vén igual. Damos un paseo e cóntame o seu segundo gran problema, infinitamente maior que todos os meus problemas xuntos. A súa vida é, por orde, Gran-problema 1, Gran-problema 2, pequenos-problemas-laborais, pequenos-problemas-familiares, actividade política, eu.
E eu tamén represento un problema para el, moitas tarefas: quedar comigo, collerme da man en público, asumirse como maricón, 'cumprir' comigo (iso di), durmir fóra da casa, dedicarme tempo... Así que se me bloquea e acaba trousando. Compadézoo, facemos algo de sexo rápido e marcha, ata a semana que vén.
Ultimamente estou chegando demasiado cedo ás relacións. Dentro dun par de anos Futuroscope podería ser o mozo de Galiza. Pero non creo que eu aguante. E así as cousas, teño medo que el tampouco aguante.

25.8.04

repañada
Eu fíxeno ata non dar máis: chamei por teléfono mil veces anunciando retrasos no traballo, revelando compromisos de última hora, suprimindo citas, promesas e compromisos. Fíxeno durante todos estes anos, si, pero Futuroscope, ese espía de moncloa pagado por todos os meus ex, estase pasando.
Nos últimos 15 días vímonos unha hora, hai 3 semanas que non fodemos e sinceramente isto esmorece. Despois do plantón de hoxe, e cando el esgota os límites da invención meténdome escusas, reformulo algúns principios da miña vida e reviso posts antigos. Como aquel que, ante a carreira entre Belokan, Futuroscope e Legoforever, anunciaba e desexaba que gañase o mellor.
Non sei se non será o tempo das series de repañada.
banda deseñada
Vou a ankara ao salón trilingüe do atlántico. Non me gusta ese xeito de montar exposicións, falta espazo pra tanta xente, e acábome agobiando. Con todo, ano a ano, sabedor do ritual, acudo a gastar cen pavos en cómics e a descubrir apenas un trazo ou unha perspectiva que me engaiole.
Ao final, o debate sobre a banda deseñada impresiona os progres. Ou son friquifavorábeis (liña europea), ou son radicalmente refractarios, ou senten a necesidade de desculpar a súa apatía intelectual ao respecto (como a miña marcadora de tendencias favorita). Vese que o cómic non pode ou non quere ser un produto de consumo normal. Un botón: atopo un aparentemente prestixioso debuxante galaico no Salón de BD de Barcelona e dime con sarcasmo: "non pensaba que a un nacho coma ti lle gustase este tipo de arte".
sms
Por imperativo laboral, papo horas e horas de olimpíadas na tele que me repercuten no sono, no blogueo e na casa, non recuperada da sesión de pintura.
As Olimpíadas parécenme incribelmente fermosas. É como unha gran sala de cinema onde se proxectan ao tempo milleiros e milleiros de filmes, e un asiste aos que pode, parcialmente, no zapin máxico que só concede a televisión.
Nácenme as preguntas como as bágoas. Escolmo:
1. Que pensa un etíope cando ve o corpo dunha norcoreana saír da vila olímpica?
2. Cantas probas atléticas comentou Gregorio Parra? Por que segue sen ter nin puta idea?
3. Con que soña Ian Thorpe?
4. Por que me chamo Fazekas e por que me parece boa idea trocar un bote de mexo por outro?
5. A que ole o aire tras o disparo? a que ole o tatami á noite? a que ole a piscina dende a plataforma?
6. Por que cae Perdita Felicien no 100m valados? Por que non se levanta? Por que chora? Onde está a súa parella? Está vendo a proba por televisión, dende unha cociña, nunha casa pequena e branca ás aforas de montreal? Ou está quizais durmindo, confiado/a, agardando unha fermosa mensaxe no móbil á mañá?
könig
A grande icona da banda deseñada mariquita volve sorprenderme. Foi madurecendo ao mesmo tempo que eu apousentaba a miña conciencia de clase: superada a crise da sida, as digresións culturetas, o momento crazyparty e ata as bromas de mal gusto, chegamos á mellor substancia. Neste 'Podédesvos bicar' a familia, o contorno social e a estabilidade entran a saco na vella parella de Paul e Konrad, e deciden casar. Hai algúns espiches homomilitantes, pero ben encaixados, e ata o final é lindo
Estou na estación de tren de ankara, agardando e lendo nel ás gargalladas. Tamén esperan canda min catro alemáns como armarios, preciosos, mochileiros, que cheiran como a bar leather. Son europa, como König ou Berlín, e penso moito nel cando leo a König.
visita I: Apandadores
Cando Apandadora nos dixo que acababa de coñecer un cantautor madrileño e estaba namorada, botámonos a tremer: outra máis cegada polas auroras do estrelato.
Agora, moitos anos despois, Apandador e Apandadora son como da casa. Visitámolos moitas veces en Aluche e veñen tamén eles algunhas veces aquí. A pesar da súa bohemia, compartimos conversas de adultos (hipotecas, fillos, matrimonios...). El mira o mundo polo vidro anárquico, ela polo do realismo galego máis recalcitrante. Xuntos fan un prisma fermoso, divertido e moi tenro.
A súa visita é unha gozada. E acaba por todo o alto cun concerto del, en atenas, en medio da rúa do paseo.
visita II: Iop
Nas súas vacacións de agosto chega o tornado Iop. Pasará só tres días, tan breves como intensos. Vemos a tele, fuma pachuzos, discute, cociña arroz con peixe, insulta a medio país, inza a sala de moreas e moreas de libros que non sei de onde saca e marcha rosmando a quedar con calquera nos bares da cidade. Ten o carácter máis incrible que coñecín nunca. Testana como un muro de porpiaño e torrona como un xabaril, adóroa.
Na súa cruzada antiFuturoscope vai sumando adeptos. E elabora unha simple teoría: "Futuroscope está mal da cabeza e debes fuxir del". De momento discrepo, pero ela ten unha fodida tendencia a ancorar os seus prexuízos na razón máis verdadeira.

19.8.04

ser +
Esta portada pediuma María, e velaí. A revista prás mais galegas do século XXI.
Aproveito para encher o post con comentarios de intendencia:
1. Están os Apandadores con nós.
2. Fuco morreu. Agora está Roi. A inauguración de vilakoala, prá semana.
3. A casa anda totalmente revolta. Son un desastre.
4. Traballo máis horas ca un reloxio. Pero a cada pouco recibo unha mensa, unha chamada, un cariño de Futuroscope. Onte quedei con el na zona vella de humidtown, que tiña que pasear ao seu pequeno curmao francés, e fixemos como que nos atopábamos por casualidade. Eu levaba un paquete de cuscús na mau. Chovía.
5.É posíbel algo mellor?

18.8.04

cultismo
Non hai demasiadas cousas que me desesperen. Menos aínda agora que Futuroscope acode á miña vida con ansia renovada.
Unha das poucas son os cultismos, palabras empregadas polos sumosacerdotes da lingua pra diferenciarse do resto, que somos os demais. Pra marcarnos a ferro cun -KT-, cun -GM-, cun -KS- co argumento tautolóxico de que hai 2000 anos uns paisanos na Dacia ou na Lusitania escribían ou falaban así. Os cultismos son unha conxura a prol do analfabetismo, da dificultade pra ler, pra escribir.
Afortunadamente África, ese lugar de onde poden saír as cousas máis marabillosas, toma a opción do contrataque. Polo menos 18 estudantes morreron e outros cen quedaron feridos en liortas entre bandas rivais no sudeste de Nixeria, bandas que se chaman Black Axe, Vikings ou Black Beret. E todo polo "cultismo", ese demo destrutivo, como di o cartel.
Mágoa que se refiran a outro cultismo, creo.

17.8.04

morrerei en texas
Máis do libro de Avendaño, 'Texas'. Cita un verso de Borges, ¿en cuál de mis ciudades moriré?.
El transfórmao en cobras coma esta:
En cal das miñas cidades?
En San Antonio valente e ousado (...)
baixo o álamo resistente e lixeiro
de La Llorona o meu pasado e o meu agora.
Sabereino por outros cando chegue.
.
Bicostais, onde ides morrer? Será Audasa o noso sepultureiro?

15.8.04

estado da miña relación con futuroscope
Como este agosto empoalla na choiva morriñenta, así avanza a miña relación con futuroscope: cara á ausencia. Aínda non lle coñezo os amigos, apenas fodemos, en realidade case nin nos vemos e cando o facemos ten que marchar cedo, ten que chegar tarde, ou ten que vir de pasada. Agora xa nin me manda mensaxes.
Se esta semana que entra persiste no seu desinterese, declarareime en soltería, limpareille o po á chorvoaxenda e regresarei á noite. Non sendo que me mire cos seus olliños de concelleiro degolado.
pintura
Fin de semana extenuante. Viaxe a ribadeo. Viaxe a atenas. Pintura: a sala en branco e malva e a entrada en amarelo. Encerado de piso. Compras, paseos polo bricoquín, discusións con Dukakis... e traballo, traballo ata altas horas da madrugada.
Vánseme os días como avelaíñas.
Afortunadamente aproveito para ver as Olimpíadas. Os mellores momentos da miña vida aí os están. Por exemplo, o 4x100 sudafricano rípalle o ouro aos Estados Unidos na piscina, berran, apértanse húmidos un contra outro, baten os peitos fortes como guerras. Anque sexan todos brancos.
Teño os ollos a bágoas e as mans de pintura.
po
Leo nun fermoso e irregular libro de Alberte Avendaño uns versos de Octavio Paz que se me gravan na memoria (estrañamente).
Se o home é po,
eses que andan pola chaira
son homes.
tópicos
Participo nun acto intelectual en ribadeo, por conta da miña empresa. Debatemos sobre medios de comunicación e novas tecnoloxías para un auditorio dunhas tres ou catro persoas. Escoito tantos e tantos tópicos sobre o sector que me parece que o mundo non se moveu un milímetro en dez anos, e quizais así sexa.
Para innovar cuspo boutades nas que non creo e doume repugnancia a min mesmo, así que lisco rapidamente. Hai moito tráfico, pero vaise deitando o sol na mariña e na chaira. Siluetéanse as árbores sobre o asfalto e vanse acendendo pouco a pouco as luciñas en caravana. A natureza prémianos anque non o merezamos.
pirómano
Na N-525, ao pasar por Viduedo, puxeron unha ducia de palés coma fitos, escritos, ao pé da estrada. 'Matámosche o gato, non volvas', 'Xustiza xa', 'Incendios nunca máis' ou 'Piñeiro pirómano' eran algunhas das súas frases.
Ao volante, imaxino un escenario de linchamento popular e vexo o tal Piñeiro afogado en alcatrén e plumas de pitas do país. Sería iso?
Gugleo e comprobo a estarrecedora evidencia.

12.8.04

disney
Como a miña parella non podía ser perfecta, devece polos debuxos da disney. Vou con el ver Zafarrancho en el rancho, unha mala peli de animación con argumento previsible: unha conxura de animais tentan salvar do embargo o rancho dunha velliña. Hai algún malo malísimo, algún malo tontísimo e algún animalucho pavero.
Imos en sesión de noite, así que a sala, grande coma un mundo, queda pra nós e prós nosos sexos arreites. Cantas zugadas vería Disney dende os seus pequenos ollos de carboncillo?
memoria
Collo do andel un libro de Sciascia. Xuraría que o lin, pero cando empezo non lembro nada. Ademais, 'O contexto' é tan deslumbrante que me parece imposíbel lelo e non lembralo. E sen embargo, ça me dit quelque chose... que me desacouga.
Podería ler 10 veces o mesmo libro coa mesma sensación de virxindade cá primeira vez. E podería esquecer por completo 10 veces o mesmo libro marabilloso, e seguir vivindo sen el.
posicionamento
Iop é clara e contundente: estou en contra de Futuroscope.
Nunca quererei a ninguén como quero a Iop.
individuo
Alguén chega a este blo gugleando "como comunicarme con fermín muro". Pero quen demos é Fermín Muro? Un dentista mexicano? Un crego católico de Nicaragua? Un estadounidense asinante dun manifesto a prol da transexualidade?
Alguén coñece este individuo?

8.8.04

tiziano ferro
Este cantante italiano de familia galega é un dos favoritos de Futuroscope. Gústanlle as baladas, dime nun sms, que lle lembran a min. Ante a miña incredulidade, alá me aparece na fiestra da casa con dous CDs de Ferro: '111', e o penúltimo, o máis socialdemócrata 'Rojo relativo'.
Claro, non me gusta Tiziano Ferro. Pero, por que? Escóitoo na tarde, camiño de santacristina, e á volta sobre a negra autoestrada da madrugada. Non me gusta Tiziano Ferro e o baleiro de argumentos faime pensar nunha cousa soa: os prexuízos.
música do mundo
Area de santacristina. Papo un trozo de torta de cumpreanos semiconxelada, bebo kaslimón e vexo deitarse o sol sobre Ankara. No fondo soa Ty, un rapeiro nixeriano xenial.
Logo quedo con Berlín, e noutro punto están Todonada e Kate, e incluso Gaiteiriño pasa brevemente polo escenario. Comeza a tocar Malkit Singh, fascinante, anque Berlín pense que é pasteleo.
Pero acaba, e meten no intermedio unha bochornosa performance de gogós arrastrándose: tetas e paquetes sen nin sequera coreografía. De música de fondo, o pita-pita do fascistoide anuncio de cocacola.
Cal é a música do mundo, Singh ou cocacola?
búmeran
Un tópico da miña vida anterior era dicirlles ás miñas parellas e protoparellas que hoxe tiña que traballar, que hoxe non podía que debía ir algures, que hoxe debía rematar un proxecto. Todos verdade, sempre.
Agora, cando unha procesión, a rotura dunha canalización ou unha imprevista comisión de goberno me impiden pasar unha fin de semana como eu quixera con Futuroscope, vexo o búmeran virme directamente prós fociños.
lecturas
Como paso bastante tempo coñecéndolle a vida á Barret Family e refollando cousazas de teoría literaria, apenas hai vagar para ler outras cousas. Utilizo a Lucrecio unicamente como somnífero. Velaquí as súas marabillosas pílulas:
1. Nada é, pois, a morte, e en nada nos afecta.
2. Ninguén sente nostalxia de si e da vida cando no sono repousan corpo e alma. Pola nosa parte, que dure eternamente este sopor: non temos necesidade ningunha de recobrar a consciencia..
3. Como sempre, vello, desexas o que non tes e desprezas o presente. Escoóuseche a vida por entre os dedos, incompleta, sen pracer, e se súpeto viches a morte no cabezallo antes de poder partir satisfeito e colmado de todo. Deixa agora as cousas todas, impropias da túa idade. Bule! Failles sitio aos mozos, sen alterarte. É necesario.
4. E cando morras, vas ter medo, vas enfadarte? Ti, que levas unha vida xa case morta, a pesar de que vives e ves? Ti, que desbaldas durmindo a maior parte do teu tempo, que roncas esperto e que non deixas de ver soños? Ti, que te inquietas con terrores diversos, que non dás visto o mal que te enferma cando te emborrachan tantas e tantas preocupacións, que erras aboiando ao pairo co ánimo incerto?

5.8.04

todonada
cesare achégase á posición de todonada como marcadora de tendencias: alerta laranxa. ;)
a historia máis dura xamais contada
Vou cear con Futuroscope. Dime que hai algo que debo saber antes de ir máis pra diante.
Despois dunha musaca e dun té negro exipcio, imos tomar algo e bótame a historia máis dura que xamais me contaron. Por implicacións realmente serias non podo filtrar nada, e deixo este post sen ligazóns.
O caso é de libro, e cáeme unha presión no esófago que me afoga toda a noite e que me segue afogando agora á mañá.
Por iso, cando nos veñen as bágoas aos ollos, no escuro interior dun clío onde só se moven os números ámbares do reloxio, sei que acabo de prenderme: este é o home. Seino.

3.8.04

miñas putas
Entran neste blo buscando, agardo que por erro, sexo anal hetero, fotos de sexa adolescente, fódeme e miñas putas.
Afortunadamente sempre hai alguén que dende sudamérica busca directamente balas. Conseguiron que o 9º resultado se gugleas 'balas' sexa este blo.

1.8.04

aghora xa
Imposibilitado de pensar en nada pra máis de 13 meses, pasa o tranvía 31 e teño que tomar unha decisión. Tómoa: estudar coma un becerro, fundamentalmente inglés e literatura. En xaneiro serán as probas de ingreso, e daquela xa veremos qué decidimos.
Estudarei e estudarei, por min, por estas horas.
Ademais, Futuroscope tamén vai regresar aos seus estudos universitarios. As noites xuntos, mentres el le a Hobbes e Bobbio e eu a Bourdieu ou a Collins, poden ser moi divertidas.
burla negra
As noticias dos incendios do sábado e do domingo son estarrecedoras.
É a burla negra dos do interior. Nós, esa parte da Ghalleira incomprendida, ignorada e inútil dende a morte de otero, non protestamos. Non.
Morremos, que é unha forma apresurada de tamén-morrer.
el
Podería falar días enteiros de Futuroscope. Mándame milleiros de mensaxes, dime en francés que me quere, fálame de cristina alberdi e solta tantas frases marabillosas que unhas fan esquecer as outras.
Estao aprendendo todo: a primeira parella, a primeira durmida fóra da casa, o primeiro sexo estable, a primeira collida de man na rúa... A min, por primeira vez na vida, vénme o medo a perdelo. Canto tempo poderei telo enganado, facéndolle crer que son marabilloso?
Dende que existe este blo estiven en soltería, e non sei como adaptarme aos novos tempos. Todo me parece relambido, estraño, alleo a min mesmo. Terei que aprender de Todonada a escribir blos namorados.
retruques
Seguindo o ronsel de Contra, sóltolles 10 euros aos de Haloscan pra que me garden os vosos retruques dos meses pasados. Ao parecer, métenos desordenados e sen indicar se hai comentarios ao post. Síntoo.
A perdurabilidade é complexa.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?