<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

13.8.07

minuto de silencio
Leva dous días a chover que nin diola. Estou baixo unha carpa de lona, apiñado cos meus vellotes compañeiros xuíces: fóra, uns rapaces corren baixo o dioivo á procura da medalla de ouro nos campionatos escoceses, neste caso sobre os 3000 obstáculos. A min tocábame tanxer na campá das voltas, pero Margaret Ann, que só roza os sesenta, díxome que acougase ao abeiro: quería mollarse ela agora.
Miro ao meu redor cunha certa perplexidade: son un dos cen xuíces que neste momento andan polo estadio, levantando o lestón da pértega, chamando polas lanzadoras de disco, comprobando que todo funciona correctamente co sistema de foto-de-chegada ou pasando uns rodos xigantescos de escuma cos que secar as pozas da pista. Feitos que se repiten en moitos outros paralelos e meridianos, neste e noutros deportes, cando xentiña coma min seca pistas, anota estatísticas en follas, vai buscar pelotas de críquet ás bancadas ou míralle a ferraxe aos cabalos. Tento calcular cantos estaremos a estas angueiras no mundo, agora mesmo, pero non me dá o procesador.
Se dividísemos a unidade por esa cifra resultaríanos o cociente da miña importancia sobre o planeta, que se me fai moito máis diáfana e ferinte aquí, onde ninguén me coñece, onde só por exotismo saben do meu nome, tan parecido a césade, pétache e sésare, haha, que risa. E vou prá casa en bici, baixo a choiva, imaxinando como serían os trámites se un coche me levase por diante nesta tarde grisalla de domingo, e creo que me gusta esta sensación de insignificancia, que me sinto cómodo e feliz sendo un ser humano, reconstruíndo a miña identidade de persoa que respira baixo a chuvia, de persoa a quen lle gusta o peso das nubes sobre a terra.
Con todo, por se acaso, ao chegar á casa doulle a Barataria un papeliño co correo dun dos árbitros, co fin de que o avise se algo me pasa: a miña ambición é que fagan comigo como con Hutchinson, a quen hoxe despedimos cun minuto de silencio: 84 anos, os últimos vinte meses hospitalizado logo dun infarto, moitos centos de veces cronometrando baixo a choiva.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?