<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

2.7.07

slow driving
Ir a Ciudad-Ajo en coche de alugueiro e co único obxectivo de evitar a autovía é algo fantástico. Os campos de mapoulas, os trigais, as rapinas que se pousan na beira da estrada, os menceres e os solpores, tamén o vento, ou a choiva que no horizonte descarga ou se contén. Á ida arquilinos, malva, pozo antiguo... Á volta, madrigal de las altas torres, cantalapiedra, cañizal, el cubo de la tierra del vino, pozuelo de tábara. Algunhas destas estreitas estradas teñen un pouquiño tráfico. Outras, as máis, están solitarias, deixadas á ocupación dos roedores e dos mosquitos, esquecidas do carteiro e do practicante. Soberbio é, dende logo, o treito de estrada que vai, en paralelo á autovía, dende xinzo á gudiña: apenas coches, só algún arrastrado camión de gando e algún vehículo vello guiado dun septuaxenario. Un contorno ideal pra facer unha reforma viaria, pra retirar carrís de aceleración, pra suprimir pistas de frenado e curvas amplas, pra obrar na estrada á procura da tranquilidade e da condución agradábel. Pra regresar as cousas ao seu sitio, pra axudar as herbas no seu combate contra o asfalto.
Se levamos présa autovizamos; pero se queremos conducir, guiar lento, deberiamos dispor desas estradas vellas, de novo sorprendentes. O slow-driving debería figurar no programa político e económico do meu partido nas vindeiras eleccións.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?