<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

8.7.07

feira
Logo de facer algúns recados urxentísimos, collo a bici e arrinco pra doune. Parece que chuvisca, e cargo a mochila cun chuvasqueiro. Pero axiña solea, e aos poucos paro e encho a mochila coa chaqueta, e logo coa camiseta de por baixo. Fago primeiro tres millas ata un caixeiro, e logo estradas secundarias, costas, valados e paisaxes ata chegar a doune. Despois viro á dereita e collo estrada de dunblane e logo de cruzar a vila da matanza, xa de volta, atopo o que viña buscando: a feira agrícola, que se celebra como todos os anos o segundo sábado de xullo.
Todo é estrañamente coñecido, pero non exacto. Hai campos prós cabalos, si, pero as amazonas son unhas nenas rubias que, entre rodaxe e rodaxe de filmes de exorcistas, poñen un casquiño de veludo e soben aos doces lombos dos ponis. Tamén hai tratores antigos, coroados de medallas de papel, maquinaria agrícola, camionetas demostrando a tracción en posicións incríbeis, e ao fondo uns valados onde se amorean as razas locais de vacas e ovellas. Nunha camposa no medio, cercada con fita plástica, fanse exhibicións equinas e caninas, pero tamén pequenos rodeos, mentres os nenos toman algodón doce ao carón. Hai unhas carpas con artesanías, algún telderete espallado con marmeladas locais, pero tamén o posto oficial da policía do condado e dos bombeiros, que expoñen orgullosos os seus mellores vehículos. Hai uns postos con camións cisterna e tratores de xoguete, algúns deles próximos en valor á miña nómina, e un par de obradoiros onde os mozotes aprenden a manexar motoserras ou a ferrar cabalos. Así que merco unha hamburguesa de cervo con cebola guisada, e despois tómolle un cunquiño de amorodos ao señor robertson, que mos serve con crema agre, e subo á parte superior dos campos enlamados. Que normal atopo todo isto, e que distinto.
Percibo o renxer do gps, e decido voltar. Agardábanme aínda seis millas de bici pra chegar á casa, e daquela aínda non sabía que atoparía a roda picada: seis millas a andar, á tardiña, recendendo a bosta, lama e centeo.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?