<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

20.6.07

pementa
Despois de pasar un día intenso de traballar, de buscar aquí e acolá unha conexión, de reflexionar sobre dúas ou tres cousas que me aqueloutran, e despois de conxugar mil veces os pronomes dos emigrantes, vou cear á casa de Ian. A el o corpo vaille dando algúns avisiños pra levantar o pé no traballo, pero inda así chega da factoría e ponse a lavar coitelos, bullar allos, picar cogomelos e revoltar ovos dunha saborosa cea pra cinco. Despois, cando a piña con ron finalmente marcha da mesa e se crea un momento de calma, quedamos os dous a traballar na noite, un á par do outro, como antigo tempo.
El respira fondo, moi fondo, e fai xestións estrañas debruzado sobre un minúsculo computador. Eu, enfronte, leo devecidamente o libro que me acaba de regalar, con dúas partes: primeiro o fantástica conto da importancia da pementa na historia da humanidade; despois, anque se me pechan os ollos, comezo a pescuda metodolóxica sobre a estupidez no planeta, aínda máis divertida. Pero o reloxio do corpo dime que abonda, e marcho durmir deixándoo só.
Cando esperto, mentres agardo pola fenda da porta que a ducha quede libre, leo unhas páxinas máis deitado nun colchón no chao. Fóra abre o día, aparentemente con sol, sobre os chalés da urbanización. E penso: este é o sal, esta é a pementa.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?