<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

19.6.07

fauna e flora
Apañamos o coche de alugueiro e Ferre e mais eu poñemos proa a calquera parte. El dime: san cibrán de las; e aló imos, pra visitar unha vez máis o impresionante castro, completamente deserto de vixilantes, indicadores ou outra cousa que non sexan as marcas das fuciñadas dos xabarís entre o pasado. Como non son magago, nada sei destas e doutras cousas, pero encóllome canda Ferre cando se bota ao chao, apaña un garabullo e traza rapidamente unhas liñas: aquí o río, aquí unha fractura xeolóxica, aquí o santrocado... Despois erguémonos coa compaña dunha bubela (hai paxaro máis fermoso?), e logo seguimos, primeiro ribadavia e logo esas estradas do nososeñor, baixando a pontearnoia, dobrando en cartelle, rubindo ata outomuro, deténdonos na abandonada xoia romana da ponte freixo, discutindo se esta folla é dun salgueiro, dun freixo ou dun bidueiro, vendo pasar o asfalto e a tarde baixo a mirada atenta dos miotos e dunha martaraña que, nun cambio de rasante, aparece no centro da calzada.
E nun momento, quizais en sabuz, un merlo inicia supetamente un voo baixo que quero pero non dou evitado. Polo retrovisor queda deitado, afastándose, quizais coa cabeciña impactada dunha marca fonda, talvez o trozo dun 5.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?