<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

10.5.07

parrulos
Durante toda esta semana son o encargado de termar dos parrulos.
O edificio onde traballo ten forma de grella, e no cruzamento de corredores fórmanse tranquilos patios, cheos de arbustos e pedregallo, óptimos pró aniñar das aves. Os lavancos, por exemplo, aproveitan adoito estes patios pola tranquilidade que ofrecen fronte aos inimigos terrestres: gatos, raposos... Pero as femias, tan previsoras á hora de botar os ovos, non se decatan de que cando as camadas de dez parrulos lavanquiños comecen a chiar e a remexer os seus parrulentos cus pola contorna, non poderán procurar alimento: os patios, tan cómodos antes, son agora unha trampa da que só se pode saír voando... se sabes.
O meu traballo é, pois, alimentar artificialmente estes parrulos que caeron na trampa dos patios ata que poidan valerse por si. Nun dos patios unha lavanca ten sete satélites peludos; noutro, unha ten once. Hai uns minutos recibo unhas chamadas preocupadas dos meus compañeiros: unhas pegas rabudas, aproveitando a choiva e que a lavanca dese patio non dá abeirado todos os parruliños baixo as ás, arramplaron con catro ou cinco deles (as fontes diverxen).
Acudo presto. Explícolles que a natureza é sabia, que once eran demasiados parruliños pra unha lavanca soa, que as pegas tamén teñen que comer... Pero os ollos dos meus colegas, afeitos á natureza disney, comezan a brillar mentres repiten ao calado: bastards, bastards...

PS: No edificio hai, ademais, tres gabitas: a que está no meu patio e outras dúas máis. Todos, nas nosas respectivas oficinas, agardamos ansiosos o momento da eclosión.

Actualización: só un par de horas despois, mentres seguía traballando sobre o computador, escoito uns chíos fóra. Miro pola fiestra e vexo a gabita corricando e berrando polo patio, cun pedaciño de casca de ovo no peteiro. Que pasou? Que foi? Non o sei aínda, pero no niño xa só quedaba un dos tres ovos.
E nese momento non había ninguén preto pra dicirme que a natureza é sabia, que tres eran demasiados poliños pra esa gabita soa e esas cousas necesarias sobre a vida e a morte, pra que os meus olliños non comezasen a brillar, pra non sentir como un cristaliño se me facía cachizas nos dentros...

This page is powered by Blogger. Isn't yours?