<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.5.07

leste/oeste
A primeira visita ever, que vén cargada de embutidos, fideos da sopa e pan relado, ponme outra vez ante o dilema de como chamar as cidades máis importantes desta terra. Visitamos primeiro a do leste, que se dispón falsa e hermética como unha burbulla de poliespán. Ten a beleza disposta en primeira fila, para que a observemos con aglaio nunha monótona secuencia de libra-monumento-marabilla. É esa cidade onde ninguén se sente estranxeiro pero que está pousada aquí como podería estalo en calquera outra parte, e só me reconcilio con ela cando penso absurdamente en daniel defoe e nas súas visitas acó, e nos mortos da peste que agardan, tapiados vivos, a que un turista remova o tixolo que non é e apareza a súa faciana de horror e borralla. Penseille chamar Orgullo&Prexuízo, porque esas son as sensacións de incomodidade que me produce, pero creo que lle vai quedar Embiburgo.
A outra, a do oeste, é provocadoramente fea e inxusta. Alí onde lle puideron chantar un corno, os seus veciños chantáronllo, alí onde podía abrochar a beleza, cubriron rapidamente con asfalto ou acudiron os mozos borrachos a cuspirlle e gomitarlle de riba. Unha cidade sen memoria, porque todos os días hai mortos e navalladas por cousa da memoria. Pero cando repousamos un intre cunhas cervexas e unhas hamburguesas de año con menta e unhas patacas fritidas e sete ou oito mollos e fritiduras de polo e arroz e algo máis, fóra unha morea rebuldeira de señoras en tetas, indis co cabelo á fódase, negociantes da noite e músicos de sumidoiro móvense como formigas entre os frascos do azucre. E sei que eles me gustan, que me gusta esa disparatada mestura de edificios, esa soidade compartida que é Glaspop.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?