<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.9.04

bamba
Hai case un ano aterraba no aeroporto Léopold Sédar Senghor de Dakar e recibía a primeira labazada de humidade e calor do terceiro mundo. Tiña a mochila cargada de pílulas contra a malaria, prexuízos e libros de poesía senegalesa.
Non hai un día só en que non lembre algo do po, do olor, do medo e da felicidade daqueles dez días. Non hai un día só en que non desexe volver.
Por iso merco Egypt, o último álbum de youssou n'dour. A edición occidental saíu non hai moito, pero eu estaba en dakar cando apareceu a senegalesa, como sempre algo distinta. Egypt é un conxunto de cantos relixiosos, interpretados co acompañamento dunha orquestra clásica exipcia. N'Dour é un fervoroso seareiro de ahmadou bamba, o líder dunha seita musulmá que controla o 75% da produción de manises do país, que á súa vez vive practicamente da exportación de manises. Non é o álbum que máis me gusta del, aínda que sexa flipante. E faime soñar. E tamén me fai soñar o Boomrang de Daara J, un grupo de hiphop tamén de dakar. Soñar doutro xeito. Quizais soñar con taxis escangallados, e atascos, e bolsas de sirope de froita mercadas dende a xanela do coche en marcha aos ambulantes, que son todos.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?