<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

18.2.04

laranxeiras oito
Vou nun coche para pontevedra, cunha cantante. Conduzo eu porque ela, como todas as boas cantantes, non sabe. Asistimos á emotiva presentación dun disco de 1904, que se reedita agora limpo e dixitalizado. Era aquel tempo de gramófonos. De feito, o disco de Aires d'a Terra gravouno unha empresa de gramófonos, que facía demostracións para espallar a invención. En lembranza, puxeron un trebello deses a virar enriba do escenario, pra que vísemos o seu son dourado. E o tempo detívose.
De volta na estrada, tralos pinchos, a cantante fala de Ricardo Portela. Hai xa anos ela coñeceu este vello gaiteiro, lanzal e galo coma todos os gaiteiros, nun acto público.
A cantante díxolle: encantada de coñecelo.
El respondeulle: Ricardo Portela, Naranjos, 8.
Esta absurda frase de dispoñibilidade pareceume relamente fermosa. Gustaríame repetila, pero en realidade nunca estou na casa.
Tamén falamos doutros gaiteiros, de dixitacións abertas e pechadas e doutros motivos nazonalpopulares que me quedan lonxe moi lonxe. Como as cousas das que fala Jean-Sol, e pregúntome, se non son folc nin roc, qué demo de cultura teño. Roc-poc? Jacarezinho sempre me di que teño cultura de notas a rodapé, e se cadra vai ser iso.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?